A Oficina Electrónica de Clases Pasivas ofrece un conxunto de servizos electrónicos postos á disposición dos cidadáns pola Dirección Xeral de Custos de Persoal e Pensións Públicas do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, para que efectúen xestións e consultas a través de internet, o que evita o desprazamento físico ata as oficinas de xestión.
A utilización destes servizos require o uso dun certificado electrónico cando se consulta información de carácter persoal ou se realiza unha xestión que esixa acreditar a identidade do usuario.
Non obstante, tamén se ofrecen algunhas opcións de libre acceso.
O acceso á Oficina Electrónica realízase dende a páxina web da Dirección Xeral de Custos de Persoal e Pensións Públicas: http:/www.clasespasivas.sepg.pap.minhap.gob.es
A organización deste conxunto de servizos nunha páxina web permite a súa continua actualización e é conveniente diferenciar os servizos de acceso restrinxido (que esixen certificado electrónico), daqueloutros cuxo acceso é libre:
Consulta de datos (Ofelia-Consult@): Informa os pensionistas e os seus representantes legais sobre a totalidade dos datos ─persoais e económicos─ que, referentes ás súas pensións de clases pasivas, ten a Administración. Proporciona informes sobre a última nómina para percibir, certificados de retencións a conta do IRPF, de revalorización de pensións.